Petroglifos.org

Os gravados rupestres de Oia no contexto dos petroglifos do Suroeste galaico

por F. J. Costas Goberna. 22 - 04 - 2008

Índice do artigo:
- O Suroeste galaico.
- O litoral de Oia.
- A zona alta de Oia.
- O estado de conservación.

O SUROESTE GALAICO

Está fóra de dubida para cualquera coñecedor dos petroglifos prehistóricos do Noroeste da península Ibérica, que no Suroeste galaico danse cita unha serie de fenómenos que particularizan esta área de xeito notable tal e como o definiron no seu día Ramón Fábregas e Richard Bradley. Así, inda que nos atopamos con un repertorio inconográfico no que están presentes os motivos que caracterizan o grupo galaico de arte rupestre prehistórico, sobresaen alguns aspectos como é o tamaño que alcanzan algunhas figuras como sucede coas combinacions circulares do monte Tetón en Tebra, Tomiño, onde chegan a alcanzar cáseque os 350 cm de diámetro, ou a a superficie do grupo I de Auga da Laxe na serra de Galiñeiro, onde a desproporción entre o tamaño real das armas e o das representadas é extremadamente notable. Outro detalle de relevancia e claramente diferenciador é o xeito de representar os cuadrúpedos.

A definición das figuras maioritariamente vólvese moi esquemática chegando a configurar paneis tan espectaculares como o da cara Oeste do Outeiro dos Lameiros na estación arqueolóxica de Os Campos nos montes de Santa Cristina da Ramallosa.

As aportacións do aproximadamente cento e medio de rochas con gravados localizadas ata a data no municipio pontevedrés de Oia, no corazón da serra da Grova, confirman a singularidade desta área xeográfica, coa presenza dun grande número de cuadrúpedos esquemáticos e sobre todo coas ata a data únicas representacións de embarcacións da prehistoria recente galaica na estación de Auga dos Cebros. Este panorama ten a sua continuidade na marxe portuguesa do río Miño onde se detectan numerosos elementos comúns.

O LITORAL DE OIA

Cos datos coñecidos podemos afirmar que no litoral os paneis con gravados rupestres concéntranse maioritariamente na ladeira occidental da serra da Grova nunha franxa entre os 100 e os 200 metros sobre o nivel do mar, sendo nela onde temos os petroglifos máis interesantes tanto polo nº de figuras como pola variedade do seu repertorio, xa que é aquí onde se concentran as figuras de cuadrúpedos esquemáticos, as marañas de líñas, o mundo curvilíneo excepcional e tamén as embarcacións. Estas concentracións de gravados danse en torno aos lugares que polas suas características destacan na paisaxe de xeito notable. Concretamente é no entorno das elevacións de Alto da Pedreira, Alto do Morouzo, Pousadela e A Cabeciña dende as que o dominio paisaxístico sobre a plataforma costeira de Oia e sobre o horizonte oceánico resulta sinceramente espectacular, e onde pese as evidentes pegadas de deterioro concéntranse ainda o maior número de figuras da zona. Semella interesante resaltar que os gravados están situados na periferia das zonas de potencial explotación agrícola e asentamentos tradicionais da poboación ao longo do tempo, como testemuñan os xacementos arqueolóxicos de diferentes épocas.

Outro aspecto que reflexa tamén a distribuición das rochas con gravados, é que estes tamén foron realizados nas marxes dos lugares de paso tradicional entre o litoral e a zona alta da Grova. Así tanto nas marxes da pista asfaltada que de Mougás dirixese a Torroña, como nos da que dende Oia dirixese a A Valga, téñense localizado diferentes grupos de gravados que manteñen tamén a constante de estar realizados en afloramentos rocosos situados en lugares de ampla panorámica.

A ZONA ALTA DE OIA

Os paneis xeralmente aparecen en afloramentos graníticos que destacan en maior ou menor medida sobre o terreo Podemos falar dunha liña de gravados que se situan no borde dos acantilados no Oeste da serra e que maioritariamente sitúanse entre os 400 e 500 m sobre o nivel do mar, son os gravados das inmediacións do castelo de Chavella en Oia Corrubelo en Pedornes, Arieiro e Cerradiña en Viladesuso e Alto das Veigas, Lombo do Corvo e Outeiro do Sol en Mougás, que manteñen certo dominio sobre a paisaxe oceánica.

Xa no interior da serra, xeralmente tamén en cotas entre os 400 e os 500 m, destaca a proximidade que observamos en varios casos entre petroglifos e túmulos funerarios. Isto que resulta moi evidente na zona de A Portela e alguns lugares de A Valga, tamén se pode observar noutras zonas da serra, fóra do concello de Oia, como sucede cos petroglifos no borde da necrópole de Vilachán en Tomiño.

A temática a pesares de ser maioritariamente xeométrica e na que destacan as espirais, os cuadrangulares xadrezados e sobre todo o labirinto de Pedra Escrita, presenta tamén as escasas figuras de cuadrúpedos máis semellantes aos "clásicos" do resto da xeografía galaica xunto a figuras cuadrangulares de controvertida interpretación polo momento.

O ESTADO DE CONSERVACIÓN

Nunhas breves consideracións sobre o estado de conservación dos petroglifos de Oia hai que destacar a influencia pola súa cercanía ao mar da sal levada polos ventos e causante dos fenómenos que se derivan de presións sobre as paredes de capilares e poros (cistalización de sales neste caso), que pola baixa porosidade da rocha, afecta ás mesmas e como consecuencia aos gravados expostos ao (fortemente salino) spray marino como o definiu o profesor Fernando carrera Ramírez. A causas naturais tamén hai que achacar alguns danos como os sufridos pola superficie das embarcacions de Auga dos Cebros 1 nas riadas de 2006 xa que as rochas arrastradas pola violencia das augas golpearon repetidamente os gravados.

Á acción humana debemos a diminución parcial ó total de afloramentos graníticos polo uso continuado dos mesmos en labores de extración de pedra para diferentes construcións a través dos séculos. Ao ser humano hai que atribuirlle tamén os incendios que en 2005 e sobre todo en 2006 deixaron en moi mal estado numerosos petroglifos.O lume é o causante dos desprendimentos das placas superficiais, orixinados polas altas temperaturas alcanzadas durante a combustión do bosque que ocasiona diferentes graos de expansión térmica dos diferentes minerais do granito. Finalmente outro dos grandes peligros é o que se deriva da explotación do monte que conleva o uso de maquinaria pesada que altera gravemente a paisaxe e pode incidir directamente no solo sobre os petroglifos se non sobre outros xacementos arqueolóxicos. Como visitantes conscientes ao menos procuremos non pisar os gravados nen tentemos para velos o seu remarcado. Coa luz axeitada o espectáculo está ao noso alcance.

Subir ó inicio do artigo

JPG - 245.9 KB

Fotografías: F.J. Costas Goberna

Un proxecto de:
Coa colaboración de:
Web feita con: